<

4.6.06

Mudanza

Mudamos para http://www.pequenoplumifero.org/blogue, onde se atopan tamén todos os posts e comentarios publicados en Blogger ata o de agora. Clique para alí se desexa seguir lendo o pitiño, porque este blogue xa non se actualizará máis.

Novo galiñeiro

Despois de moitas plumas perdidas estes días no esforzo de poñer uns bloques, un par de metros de tea de arame protexido con plástico verde e un somier facendo de porta, por fin podo anunciarlles que teño novo galiñeiro.

Poden visitarme en http://www.pequenoplumifero.org. Alí atoparán diferentes seccións, espero que todas ó gusto do consumidor.

  • http://www.pequenoplumifero.org/blogue. Trátase deste blogue tal e como o coñecen vostedes, máis doado de manexar para min e con algunhas caralladiñas a maiores para os espectadores (clasificación temática, buscador, sindicación RSS,...) e outras que irán chegando. Migrei todos os posts e comentarios escritos en Blogger; seguiremos alí a batalla.
  • http://www.pequenoplumifero.org/fotos. Galería de fotos do Sr. Pito. Neste blogue só podía poñer algunhas, pero o meu ego íame esixindo maiores posibilidades. Nestes momentos teño o FTP ocupado facendo recados, pero espero que nun par de días estean subidas todas - agás as do Sr. Pito na Gran Bretaña, que irán cando acabe a serie de posts dedicados á viaxe.
  • http://www.pequenoplumifero.org/foro. Foro de debate aberto a todo o mundo, para tratar sobre diferentes aspectos da cultura e da sociedade galiñegas dun modo cómodo e rápido.
  • http://www.pequenoplumifero.org/colectivo. Experimento. Trátase dun blogue colectivo, para que quen queira escriba nel, ó seu xeito e gusto, do tema que lle apeteza e podendo incluír fotos. Vexamos o resultado deste collage de diferentes presenzas e modos.
Estamos aínda en obras e algunhas cousas aínda precisan dunha man de pintura ou apretar as arandelas dalgunhas pezas; se algunha vez ven na dirección das páxinas un engadido arcanaverba.org, non se preocupen e fagan como se non existise - a páxina funciona igual eliminándoo, é simplemente un apaño feito coa web dun amigo do home que me pasa o millo pola batidora cando quero tomar flan de millo. Que o gocen.

2.6.06

Martes23

Non entendo de qué material están feitos estes escoceses. Mentres que eu apaño un tremendo resfriado con afectación intestinal - aínda que non sei se algo tería que ver o sandwich de pato ou a auga con sabor a fresa que regala o xornal - porque vai un frío que pela, hai rapazas que pasean en minisaia e ensinando uns escotes dignos do galiñeiro do sur en xullo.


Entanto N. gaña o pan coa suor da súa fronte, camiño por unha cidade que non ten moito que ver, se non os entrañables cemiterios ó vello estilo, as igrexas convertidas en bares e un porto cheo de moitos barcos. Aberdeen resulta ser a principal base das plataformas petrolíferas do Mar do Norte e, como corresponde, dedícalle un importante apartado no seu Museo Marítimo, un excelente centro didáctico que está no centro da vila e é totalmente gratis. Fago milleiros das fotos, mentres penso nas miñas cousas e afirmo que si, por cousas como isto é que paga a pena.


1.6.06

Luns22, bonus track

Leo nas páxinas 22 e 23 do xornal que Kitty Dimbleby se dedica a recrear algunhas das obras de arte moderna máis destacadas dos últimos anos, comparando o custo do orixinal co da copia. Así, existe unha instalación chamada Mad Tracy from Margate – seleccionada para o premio Turner (1999) que consiste nunha cama coas sabas e o colchón manchados de mexo e ó seu redor, no chan, condóns usados, botellas de vodka ciscadas ou roupa interior usada e empapada. Ese lote foi comprado por Charles Saatchi por 150000 libras esterlinas (uns 210000 euros). Kitty fixo en 30 minutos unha creación semellante por menos de 150 €.


No mesmo xornal descubro unha nova iniciativa dos señores de Google, o Google Trends, que se dedica a catalogar as buscas máis frecuentes realizadas nunha determinada cidade. É un sistema aínda en probas e bastante imperfecto, pero dá resultados paveros. En Liverpool saen Ibiza e Versace. En Brentford sae Viagra, mentres que en Bradford saen Osama Bin Laden e Victoria Beckham.

Atrévense a aventurar o que pasaría nunha versión galaica...?

Luns22

Como lles anunciou en riguroso directo este pito, contamos cunha nova cámara no galiñeiro, unha Canon Powershot A700 que deixou o meu home coidador sen riles e sen unha pequena porción do fígado, que vendeu a un banco para facer alí unha recua de chalets en hipoteca con vistas ó estómago. A tarxeta de crédito ardía. Primeiro veu a cámara. Logo veu unha tarxeta de memoria de 512 Mbs. Despois viñeron os paquetes de baterias e o seu correspondente cargador. Por último, a funda con correa, para ver se esta vez á ata á punta dos ehem e non a perde. Aí lles vai a primeira foto, sen contar as probas co zoom óptico en plan Fiestra indiscreta sobre tres mozas francófonas do aeroporto.



Desde Valencia, voo cara a Londres, despois de comprar – por motivos estritamente profesionais – unha revista con señora preñada en pelotas. En Heathrow apodrezo nunha sala de embarque chea de xente que pasa e pasa e pasa. Algo máis tarde descubro o que chaman Quiet room; subindo unhas escaleiras de nada, á menos de 10 metros, hai unha sala en xélido silencio e unha señora en penumbra lendo. Mentres asexo os perseguidos fumadores que escapan cara á sala do rincón, leo as advertencias sanitarias sobre o andazo de gripe aviaria e recibo algunhas chamadas de señores que non me deixan tranquilo.

Desde Londres, a Aberdeen, nun voo de British Airways. Estes señores poñen nas pantalliñas de vídeo do Airbus un mapa animado co camiño que vai seguindo o avión, a velocidade e a altitude,... algo máis entretido cós aburridos monitores de Iberia, que levan varios anos poñendo remedos de Obxectivo indiscreto e paisaxes de lugares varios. Desgraciadamente quítanme o pracer da viaxe cando me chantan – aquí segue sendo gratis – como merenda/cea unha vomitiva ensalada de polo, puaaaaaaaaajjjjj. Para superar a conmoción, o que fago nada máis aterrar é botarlle vicio ás plumas



En Aberdeen alóxame N., que me suxire que de noite son apnéico perdido – algo máis que sumarlle ó de falar en soños, convérteme iso nun pito máis interesante? Nesas latitudes, case á altura de Estocolmo, vai un frío de carallo, hai sol ata as once da noite e a luz entra nas casas (será por moral anglicana?) sen persianas ás 5 da mañá. Decididamente, non sei se teño aptitudes de galo.

Planning

Estes días ireilles colgando na web os posts da viaxe, conforme vaian saíndo do forno, todos fresquiños e cos colorantes únicos e necesarios. Como din os carteis, estamos traballando para vostedes, e quizais nos próximos días poida ofrecerlles algunha sorpresa espero que agradable. Peteiriños.