<

18.5.06

Música

Día infernal de traballo. Ecoan os ruídos das batallas a pouta alzada con varios impresentables de distinta pelaxe; aínda que xa estea acostumado, non deixa de virme algún arre-pío polo noxo que inspiran certos señores das altas esferas.


[Foto: Familia de galos de pelexa cubana]


Tal e como planeara, non acudo á manifestación polo galego – ou similar – que se perpetra na Alameda. Cada día repúgnanme máis algúns negocios particulares, algunhas ineficacias, algunhas redes de influencia e coutos privados, algunhas listas negras, algunhas explotacións e algúns absurdos que se tecen ó redor da lingua galega. Por máis que insistan, non vou detallar máis isto, porque non quero acabar – sería típico do país – na ola do cocido. Mentres os oio camiñar, tecleo, non sei aínda se para salvar o mundo ou para redimirme.

Chego reventado ó galiñeiro e, en troques de me poñer a facer kilómetros e kilómetros de bicicleta, fuxindo do andazo inevitable, decido que hai que poñerlle fin a tantos meses sen tocar unha soa tecla e deixo esvarar as unllas entre varias partituras. O We are the champions, do que averiguo a letra; o aborto contado na Piccola storia ignobile; o (su)rrealismo máxico de No permita la Virgen; a utópica La locomotiva, que pide o triunfo da xustiza proletaria. Boto en falta a canción que estou escoitando obsesivamente esta noite, por que?



Desaparece a pasos axigantados a miña fe na humanidade ó escribir este post mentres algúns descerebrados montan no coche e circulan polas rúas da cidade axitando o claxon porque uns señores gañaron un partido, para quizais alegrar un pouco algunha patética vida de descerebrado. Metido na cama, apurando un libro para ler outro e coa lembranza da chuva da tarde aínda fresca, conclúo que hoxe foi outra pequena inxección de baleiro na miña vida.

5 Piadas:

Enviar um comentário

<< Home