<

31.12.05

Acabando

Onte oía, nos actos da Translación do Apóstolo, ó que asistiron (como non) os representantes do noso Estado laico, que se lle pedía a Santiago a fin do terrorismo. Resúltame curioso que aínda non se decatasen de que algo falla cando levan 30 anos facendo a mesma petición ó Santo e o resultado é bastante insatisfactorio. Aínda non sei por que non emulan o mellor Martin Sheen en moito tempo e encenden un pitillo na Catedral para facerlle ver ó seu Deus que estas non son formas.


Non creo no mito da noite de fin de ano, pero jódeme non pasala como imaxinei.

Para ver


http://www.flickr.com/photos/fotosesther/sets/604614/

30.12.05

Hope there's someone

De volta para o galiñeiro, escoitaba no arradio esta fantástica canción e sentín que tiña que encender o ordenador e publicala mentres a escoito, pechando os ollos e imaxinando a vida secreta das palabras. Beizón a el e a quen mo descubriu.


Os convenios sindicais fan que hoxe a miña alma de atormentado finalice a xornada laboral ás 3:00 a.m., así que non lles falarei do contido.

Hope there's someone
Who'll take care of me
When I die, will I go

Hope there's someone
Who'll set my heart free
Nice to hold when I'm tired

There's a ghost on the horizon
When I go to bed
How can I fall asleep at night
How will I rest my head

Oh I'm scared of the middle place
Between light and nowhere
I don't want to be the one
Left in there, left in there

There's a man on the horizon
Wish that I'd go to bed
If I fall to his feet tonight
Will allow rest my head

So here's hoping I will not drown
Or paralyze in light
And godsend I don't want to go
To the seal's watershed

Hope there's someone
Who'll take care of me
When I die, Will I go

Hope there's someone
Who'll set my heart free
Nice to hold when I'm tired.

Fachenda de país

Apesar de, ou precisamente por, estar ceando cun ex do Comité Central, non souben absolutamente nada do famoso partido da Selección Galega ata agora, que vexo en Vieiros que hoxe somos máis país e que Fútbol poderoso, fachenda de país. Alégrome de que agora xa poidamos vivir felices.

28.12.05

Estampas nadalicias


O Sr. Pito dando boa conta dun carneiro, mmm, que felicidade o da gripe aviar, non hai nada coma unha boa campaña de márketing do Sindicato Pitego para que nos deixen pasar un Nadal tranquilo...











Nada, que ó final o aviso que pasaran era máis falso ca un billete de euro (canto tempo tardarán en ser autóctonas estas expresións?), así que fun ver a Misa do Galo, non en sitio selecto, senón en prosaica TV. Se tivese valor, tiña que vela toda e logo poñer un DVD, pero demasiado tempo sen durmir para o corpo e só aguantei uns minutos.





Pois aquí este señor cantou unha cousa ben bonita, cun nome que non conseguín averiguar aínda (axuuuuuda!!!), unha narración da historia da Humanidade, desde a creación ata o Barbas, pasando polas Olimpiadas.

26.12.05

Noia


Recupérome do balbordo de onte que aínda rebumbia na miña cabeza. Intercambio un par de correos de traballo. Estou atento a dous paquetes que non chegan. Recibo unha chamada. Entérome, de casualidade, que che van quitar un tumor benigno. Volvo poñerme diante do ordenador e edito algunhas páxinas web. Re-Vexo unha película. Agardo por ti. Sinto un vacío existencial.

24.12.05

Nadal

Afinal

Afinal tomo a decisión de meter cousas en dúas bolsas (mais unha mochila cantosa) e de transladarme ó galiñeiro do Sur para todo o Nadal; aínda non entendo por que - si, recoñezo que mo teñen que explicar todo, e con resaltadores fluorescentes -, pero non haberá paseo polos muíños a próxima semana, antes da toccata e fuga.









(O Sr. Pito co seu conxénere o pito Matéu)






Esta semana, cea colectiva de millo e fuga polos alcolódromos nacional-populares. A comida do venres é rica rica, a base de crêpes (perdón polo cursismo), aproveitando para pasar un pouco de tempo con M., que a tiña esquecida, como a tanta xente. O martes ou mércores, xa non lembro, incluso N. me preguntou directamente se tiña algún problema con ela, porque xa non quedabamos, non falaba tanto tempo con ela, estaba sempre rabuxento...

O venres á noite lévanme de paseo a que me encha de fume (e perda o estoxo das gafas) na sala NASA, a unha das míticas ultranoites, ás que nunca fun, e que parecen ser o criterio etnolóxico que distingue, segundo os entendidos, dúas especies de culturetas galegos, os que van e os que non van. Gústame o choio, a cousa é desigual , convéncenme sobre todo os presentadores e a xogadora uruguaia. -Uruguai é guai, pero para guai, Galiza - aínda que teño claro que non vou ver o partido. Alí fago un pouco de outing, sentando con ohq-etcetc e con sara, cos que estou na foto, e mais con i.a., que corría contra o frío. Boa xente.


Os demos

Nun dos suplementos que había hoxe no Galiñeiro do Sur atopo un suplemento de 66 páxinas sobre o vicio de fumar e o de deixalo, imaxino que por mor da famosa lei anti-tabaco, que dará lugar a unha nova rima: 2006, los que fumáis, os jodéis.

Sen negar que non lle atopo glamour a estar chuchando un feixe de follas que arden, paréceme unha situación obscena. Estamos na época da demonización, da consagración duns falsos demos contra os que loita o Réxime para dar a impresión de que vela por nós:

Agora parece que o tabaco é o responsable de todos os males aéreos, coma se os autos ou as fábricas de dioxinas non existisen. Tómanse medidas draconianas contra a gripe aviaria, que non chegou a matar a 100 persoas no mundo, pero non se fala de potenciar a dignidade da sanidade ou evitar situacións kafkianas, xa nin falar de médicos obxectores pola mañá e abortistas pola tarde. Tolérase que os veciños digan parvadas sobre as antenas dos móbiles, porque é máis cómodo ter un inimigo asentado ca educar a cidadanía, porque un pobo educado non se sabe a ónde pode chegar.

20.12.05

O home que salvou o mundo

Segue ben anónimo un home que parece ser que salvou o mundo coma se fose un machote das pilículas de Hollywood. O 27 de outubro de 1962, durante a crise dos mísiles cubanos, o submarino soviético Б-29, da clase Foxtrot, quedou atrapado entre once navíos estadounidenses, que comezaron a botarlle cargas de profundidade. O capitán do submarino, Valentin Grigorievitch Savitsky, pensou que estallara a guerra e quixo lanzar un torpedo con cabeza nuclear contra a Flota americana, para o que precisaba - segundo o ríxido protocolo nuclear da Armada - do asentimento do comisario político (Ivan Semonovich Maslennikov) e do primeiro oficial (Vasili Alexandrovich Arkhipov). Arkhipov foi o único que se mostrou en desacordo e conseguiu convencer o seu capitán de emerxer e agardar por ordes de Moscova.


De lanzar o torpedo contra barcos estadounidenses, o máis probable é que Kennedy cedese ás presións de Curtis LeMay e outros e ordenase un ataque nuclear a grande escala contra a Unión Soviética. Robert McNamara, daquela Secretario de Defensa dos EEUU, afirmou que foi Arkhipov the man who saved the world.

(máis información no apartado correspondente dos arquivos desclasificados estadounidenses)


A historia da bomba atómica é fascinante, xa desde antes dos tempos de Peter Sellers


No Boletín dos Científicos Atómicos temos un reloxo que marca o preto que estamos dunha apocalipse nuclear (medianoite). Actualmente, son as 23:53..., a pesar de todos os instru-mentos que hai ó noso alcance. E as plumiñas radiactivas brillarán de noite?

18.12.05

Miscelánea

Apuro un bocadillo, ás tres da tarde, para poder agora violar o descanso dominical e facer cousas das que digo útiles para a humanidade, sabendo que non o serán nin para min nin para ninguén, fóra dos apaixonados do tema.
1. Constato que me custa acostumarme ás gatas miañadoras que, coma os meniños, sempre queren o lugar do medio.
2. Deixarei algún día de pensar e farei que me leve a corrente? Que quero?
3. Acordareime, cando volva a casa, de coller a roupa que estaba posta a secar desde o venres?
4. Leo na Coz que Galicia será a segunda comunidade que reciba máis fondos de investigación. Non é ese o problema, non é ese. Mentres sigan permitindo as estruturas feudais, o nulo control de gastos e de rendemento e os reinos de taifas, non haberá nada que facerlle. Nada.
5. Sigo descubrindo blogues e páxinas interesantes para o galiñeiro, seguirei actualizando o choio da dereita, da súa dereita.
6. Ai, non me lembraba, mañá entrevista na COPE, joder, que pesados ultimamente! E a min non me gusta a miña propia voz, estea no ton tres ou non estea. [e afinal non era na COPE, senón en Onda Cero, ups, vaia despiste!]
7. Vaime resultar raro, velo no DVD e pensar que o home que lle dá de comer a unha das miñas personaxes favoritas nos últimos meses está morto.

16.12.05

Ja soc aqui

Volvo, coas plumas esmagadas despois dun retraso de 71 minutos da Compañía Liquidadora do Ferrocarril - que me confirma a miña nostalxia de raís mellor organizados - e unhas noites máis ben escasas de sono. No galiñeiro de adopción, coñezo unha rapaza portuguesa moi riquiña e gozo do fantástico de pasar tempo con I. para confirmar o encantadora que é e intercambiar experiencias comúns en pleno ataque de empatía emocional.






De esquerda a dereita: Sr. Boneco de Neve, Sra. Cadela, Sr. Pito e Sr. Babuíno.








O galiñeiro de Santiago está feito un cristo (e lembro agora que aínda está a roupa a secar) e non me sinto con azos de traballar, especialmente despois de recibilo e de remoer a cabeza pensando en se estou facendo o correcto. O refraneiro fala no meu favor.




















Como corresponde nos momentos de preguiza e de ruminaxe, marcho ás dúas tendas de confianza. Na peliculería compro filmes, algúns para min e outros, os máis, para regalar. A visita á librería vai orientada, cunha soa excepción, cara ós físicos. Compro libros de Ynduráin (precisamente porque creo que a cultura sen ciencia non é cultura), de Hooft (porque eu tamén estiven no Instituto de Carghjese do que fala no cap. 12 e porque hai unha partícula elemental con tres cargas que se chama pión), de Rees (porque quero que me mate unha cousa con máis glamour que a gripe aviaria) e de Sánchez Ron (porque non só a Xeración dos 90 pode discutir sobre o canon). Agora só me falta alguén que me acompañe lendo no sofá do lado.






O Sr. Pito recibindo unha camiseta laranxamarela, agradable detalle de I. e de F.

9.12.05

Pechado, non por derribo


Ola. Comunícolles que estarei fóra uns cantos días, ata fins da semana que vén, seguramente, porque (como dirían) o home que me dá millo vai de parranda pseudo laboral por aí. Como tampouco me apetece escribir, deixo pensamentos alleos e avisos importantes. Páseno ben.

7.12.05

Auto/Heterobombo


- O primeiro millo é dos pitos.
- Pito de xaneiro vai coa súa mai ó poleiro.

- Pitos serán, pero oleume a can.
- De pitos e nenos logo se un pon.

- Fillos e pitos nunca son moitos.
- Non hai larada sen pito coxo / En todas as niadas hai un pito coxo.
- (Adiviña): Nunha casiña moi encaleada hai un probiño facendo morada.

Hoxe atopei, nunha das páxinas peor deseñadas e mantidas do mundo un rico surtido de refráns, de onde tirei o que antecede.

Agora, antes de cear, vou navegar un pouco para engadir novos galiñeiros na columna da dereita. Mañá? Traballar tamén, desta vez noutras cousas.

6.12.05

Vida


Entrevistáronme e comentábanme algo dos valores constitucionais, da solidariedade cos estranxeiros,... Isto faime pensar cándo será cotián que vexamos un garda civil negro, coma os xendarmes de París, ou que eu reciba emails coma o que me chegou hoxe de Holanda:

I'm glad to inform you that we have now approved your order, shortly you will receive an email confirming it and with more information. If you have any further queries, please do not hesitate to contact us again.
Kind regards
Hassam Hernandez

Customer Service at Macromedia, now part of Adobe Systems.

4.12.05

O ollo sobre a vaca

Para oollodavaca e o seu humano coidador que non emprega maiúsculas. Habemos combinar para cando volva a Humidtown, a muados ;-) de decembro.

2.12.05

Padre, me acuso

Non son comunicativo. Non teño orgullo. Non sei dicir as cousas abertamente. Son sumiso. Son sincero. Son paciente. Son boíño/a boa fe. Non me entero de nada. Non entendo as indirectas. Son rabuxento. Son duro sen ser cruel. Son respectuoso coas escollas dos demais. Non esixo que me conten cousas, agacho a cabeza. Non che digo que non me gusta imaxinarte con ****. Toléroche o teu trato e como as migallas. Non sei o que quero / seino e non o digo / seino e dígoo no momento inoportuno. Non che pido que desconectes o teu orgullo. Desdóbrome en dúas persoas e non sei unilas nin priorizalas. Téñolle medo ós animais. Choro por dentro ou por fóra cando falo contigo. Non me gustan os cambios de plans nin que se activen os circuitos de repente, como se tivese que sabelo ou anticipalo. Son pito.

Tetas


Aínda hai quen non sabe do concurso. Máis información na Va-Ca.

Exorcismo (II)

Non ía renunciar ó meu deporte favorito, escribir os posts á saída do cine e mostrar, quizais, un pouco de impúdico exhibicionismo mental, mentres peteiro nos ricos Lacasitos, escoito a música do cañautor e alterno a escritura co Solitario Spider, adictivo, a falta das excitantes K-lines do Linux.

Hai uns días faleilles de exorcismos cunqueirianos, e hoxe tocoume ver a versión de Hollywood, seica baseada nun caso real. Houbo dúas cousas que me sorprenderon:

1. A protagonista foi a unha escola de catecismo onde se estudaba latín, grego, hebreo e había unha optativa de arameo (!!!). En cambio, no imperiopequeno católico sostense un imperio de adoutrinamento, que priva da consulta das fontes e impón un dogma distorsionado. Loxicamente, ambas visións son pura fantasía, pero a das fontes é unha aventura intelectual excitante, a outra é sinxelamente escoria.



2. Hai un momento no que se presentan os 6 demos que habitaban en Emily Rose: o demo que posuíu Caín, o de Xudas, o de Nerón, Lexión (nunha frase mal traducida ou mal escrita), Belial e o propio Lucifer. Aí é nada, rían vostedes dos cumios do G-8.

Quomodo cecidisti de caelo, Lucifer, qui mane oriebaris? Que hoxe non fale de min, non significa que a procesión non vaia por dentro.

1.12.05

Querer pola vida

Onte acudín á Facultade de Económicas, onde se celebraba a segunda edición do Concurso de Monólogos Monolingües. O primeiro, unha parada técnica, onde puiden constatar que non son o único que pensa que Cancio está para que o aten.


Gañou un tal Raúl, que estivo moi ben, aínda que un pouco longo; pero eu quedeime co primeiro, unha rapaza que fixo unha estupenda composición con cantigas populares:

Unha vella de Sigrás díxolle a outra de Lariño

"fajo máis cartos coa cona que o ferreiro co martillo"

e a vella de Lariño díxolle á de Sigrás

"teño máis callos na cona que o ferreiro ten nas mans".


Cada vez que os oio, estou convencido de querelos pola vida. Amenizou o acto coa súa música o gran cañautor Leo i arremecághona, aínda que a canción non era das que máis me gustan del; son textos intelixentes que merecen ser oídos, descargados e difundidos (poden facelo desde o seu blog/blogue/blo).



Carlos Blanco (había unhas rapazas que tiña detrás que non sabían quen era, nin sequera dixeron o clásico mira, si es el de Mareas Vivas) tivo momentos de auténtica gloria, como cando falou dos controis de tráfico da Garda Civil na rotonda de Milladoiro, os picoletos co seu ghusiluz dicíndolle ós coches: vinde pacáaa, vinde pacáaaa


Millo transxénico

Non entendo os fanáticos que están en contra destas marabillas da tecnoloxía.