<

22.6.05

Pito comedor, pouco mordedor

Aquí estou, tentando acostumarme a un vida algo máis relaxada, e xa se me ve que comezo a me alimentar máis contundentemente, nada de bocadillos.....




Non, non creo que me afecte demasiado no de ir á praia, porque a verdade é que non me gustan esas cousas... coñezo o caso de familiares meus que acabaron no estómago de humanos que estaban alí tomando o sol, desesperados ante o prezo tan elevado dos chiringuitos de praia; non, non é vida sa.

Veña, vou traballar un pouco, a traducir do galiñáceo-galego ó galiñáceo-italiano (tantos matices en linguas tan semellantes!!) e máis tarde, a ler cousas de sintaxe: marcos predicativos, Harris, Chomskys e cousas amenas para a vista e o intelecto. grrrrrrr!!

20.6.05

Re-volto

O outro día comentaron que qué era da vida deste pequeno pito, que desapareceu sen deixar rastro da blogosfera (ou da burbulla semiótica mundial, se queren algo de pedantería). A verdade é que non é que permanecera ausente ata o resultado das eleccións, ou que decidise exiliarme nalgún lugar do mundo no que a galiña fose sagrada e intocable, senón que houbo prosaicos deberes que me mantiveron ausente estes días e que incluso bateron records no meu habitual retraso en respostar emails.


O asunto é que estou de volta, de volta para constatar que vin pouca xente tan parva coma os humanos que me arrodean. Mexan por eles, e alí van caladiños a votar o caciquismo, o enchufismo, a chulería ou o despilfarro dos cartos: 20 anos recibindo subvencións europeas e Galicia segue a ser Rexión Obxectivo 1, suplicando porque a estatística a deixe quedar no grupo dos pobres e poidan seguir collendo fondos Feder ou similares para facer Cidades da Cultura ou cemento para Autos. 37 escanos para o PP, 25 para o PSOE e 13 do BNG..... triunfo momentáneo da actual oposición, para que seguramente o día 27 se confirme que o cidadán arxentino, neto de galegos que nunca pisou Galicia nin sabe situala nun mapa, que recibiu da Xunta o último mes un cheque de 250 € e que foi ó último mitin-papadela do ex ministro franquista Fraga, decida outorgar o escano nº 38 ó Partido Popular.

E señores..... aínda menos mal que nos queda Portugal!